Reforma do local social de Saídres
***
As actuacións no local social de Saídres, en Silleda (Pontevedra), buscan mellorar este espazo de encontro veciñal situado a carón do campo da festa e adaptalo ás necesidades actuais da comunidade. A intervención desenvólvese en dúas fases co obxectivo de mellorar as condicións de uso, accesibilidade e confort dun equipamento de referencia para a veciñanza da parroquia.
A primeira fase, xa rematada, consistiu na rehabilitación do edificio orixinal, construído en 1921. A intervención permitiu renovar os acabados, mellorar as condicións de salubridade e actualizar as instalacións e os espazos existentes, adaptándoos mellor ás necesidades das actividades veciñais.
A segunda fase, actualmente en execución, contempla a demolición do antigo edificio da escola e a construción dunha nova ampliación nunha única planta. Esta incorpora unha sala diáfana para actividades polivalentes e un amplo espazo de almacén, dando resposta á crecente demanda de uso do local social.
A ampliación conéctase co edificio existente mediante un novo porche cuberto que articula ambos os volumes e crea un espazo intermedio de encontro. A apertura dos espazos cara á praza e á contorna, mediante superficies acristaladas e patios, favorece a entrada de luz natural e a relación visual coa paisaxe.
A intervención tamén resolve os problemas de accesibilidade e as humidades que afectaban unha das fachadas do edificio orixinal, mediante a reorganización dos niveis exteriores e a mellora das conexións entre os espazos. No seu conxunto, o proxecto actualiza o equipamento e amplía as súas posibilidades de uso, reforzando o seu papel como lugar de encontro e convivencia para a comunidade.