Reforma de planta primeira de vivenda unifamiliar
***
O proxecto xurde do encargo por parte da nosa clienta de conseguir máis espazo de almacenamento e unha mellor distribución da planta primeira dunha bonita vivenda tradicional ubicada en Soutolongo.
Esta planta presenta unha distribución compacta que ordena os espazos a través dun longo pasillo, completamente infrautilizado, e que articulándose en forma de "L" se inicia na escaleira e remata nunha antigua porta de paso, hoxe pechada por cambios da estrutura da propiedade.

Tendo como punto de partida os elementos inamovibles (escaleira e ocos de ventás) reordenamos toda a planta, conservando o número de estancias, reubicando o baño para que poida ter iluminación e ventilación natural e incluíndo un amplo vestidor, así como espazos de almacenaxe no novo espazo distribuidor. Deste xeito melloramos a funcionalidade da planta, o aproveitamento da luz natural e a calidade espacial dos espazos que a conforman.

Para mellorar a luminosidade do espazo distribuidor, xeramos un estudio/dormitorio con mamparas de vidrio e madeira co fin de mellorar a conexión visual das distintas pezas, amplificar a sensación de amplitude espacial e reintroducir a luz natural no conxunto do espazo. No tocante á escaleira deseñamos unha baranda en ferro negro, lixeira, que se integra no espazo sen saturalo.

O dormitorio principal deséñase cun amplo vestidor que sirve á súa vez de acceso e que se materializa en distintos acabados de madeira conectándose co dormitorio a través dun amplo oco de paso, no que integramos dúas portas corredeiras que se mimetizan coa parede. Deste xeito melloramos a amplitude espacial do dormitorio, introducimos a luz natural cara o vestidor e conseguimos a calidez precisa a través do emprego de cores neutras.

No tocante ó baño, plantexamos a introdución da cor e o ritmo, mediante o emprego de baldosas hidráulicas que se extenden á súa vez no alicatado das paredes. Deste xeito, conseguimos unha uniformidade cromática, sen saturar e sen sobrecargar o espazo cun excesivo uso de tonalidades ou materiais.
